ESTATUTOS

ESTATUTOS DA ASOCIACIÓN ARTÍSTICO- CULTURAL
MESTURAS



CAPÍTULO I
DENOMINACIÓN, FINS, DOMICILIO E ÁMBITO:


Artigo 1. Coa denominación de ASOCIACIÓN ARTÍSTICO-CULTURAL  MESTURAS,
constitúese unha entidade ao abeiro da Lei Orgánica 1/2002, de 22 de marzo. Esta entidade rexerase polo presente Estatuto que constitúe a súa norma básica, pola mencionada Lei Orgánica 1/2002, de 22 de marzo, e, no seu caso, polos acordos validamente adoptados nas Asembleas Xerais e demais normas complementarias que, en materia de asociación, lle sexan aplicables. Constitúese con capacidade xurídica e plena capacidade de obrar, carecendo de ánimo de lucro.

Artigo 2.
.- A duración desta Asociación é de carácter indefinido e só se disolverá, conforme a estes estatutos, pola vontade dos asociados expresada en Asemblea Xeral Extraordinaria ou polas causas previstas na lexislación vixente.

A Asociación rexerase segundo os principios democráticos contados no marco da Constitución e o resto do ordenamento xurídico.

Artigo 3. A existencia desta asociación ten como fins:
a)      A defensa e fomento da cultura en todos os eidos.
b)     A organización de todo tipo de actividades artísticas e culturais.
c)       A promoción da creación artística e a procura de novos espazos de cooperación cultural.
d)     A difusión dun modelo de cultura libre, participativo e democrático.
e)      A estimulación das relacións culturais, cooperación e a comunicación dentro do tecido asociativo de Narón e e dos municipios próximos ou da área de influencia
f)       A colaboración con outras asociacións que persigan fins semellantes, así como con fundacións e institucións de carácter cultural, xa sexan de titularidade pública ou privada.
Artigo 4. Para o cumprimento dos fins expostos no artigo anterior realizaranse actividades do tipo das seguintes:

            1.- Obradoiros: teatro, debuxo e pintura, poesía, cerámica, vidro, arte floral, fotografía, manualidades e reciclaxe…
            2.- Exposicións e encontros artísticos
            3.- Performance
            4.- Clubes de lectura
            5.- Concertos
            6.- Charlas e conferencias temáticas
            7.- Arte nas rúas
            8.- Concursos e certames
9.- E todas aquelas outras actividades que puidesen acordarse, sempre que se ateñan ao ideario e fins da propia asociación, fomenten a creación artística, favorezan a participación dos asociados e redunden no beneficio destes.

As actividades poderán ir destinadas tanto a adultos coma a nenos, intentando de xeito especial fomentar a arte entre estes últimos.

Artigo 5. A Asociación establece o seu domicilio social en rúa PINTOR SOTOMAIOR 2-4, 1º Izda. localidade de NARÓN, provincia A CORUÑA DP 15570, sen prexuízo daqueles outros locais ou edificios que puidese ocupar para o cumprimento dos seus fins.

Exercerá fundamentalmente as súas actividades no ámbito territorial de Narón.

Artigo 6.- A presente Asociación non dispón de patrimonio fundacional algún.

Artigo 7.- A presente Asociación poderá, mediante acordo cualificado da Asemblea Xeral, constituír unha federación de asociacións ou integrarse nelas.


CAPÍTULO II
ÓRGANO DE REPRESENTACIÓN


Artigo 8. A Asociación será xestionada e representada por unha Xunta Directiva formada por: un presidente, un vicepresidente, un secretario, un tesoureiro e catro vogais.
Todos os cargos que compoñen a Xunta Directiva serán gratuítos, sen prexuízo  do dereito a ser reembolsados dos gastos debidamente xustificados.

Todos os membros da Xunta Directiva serán designados e revogados pola Asemblea Xeral Ordinaria e o seu mandato terá unha duración de 2 anos, podendo ser confirmados por reelección.

Artigo 9. Estes poderán causar baixa por renuncia voluntaria comunicada por escrito á Xunta Directiva, por incumprimento das obrigas que tiveran encomendadas, e por expiración do mandato. O individuo da Xunta Directiva que inxustificadamente non asistise a tres Xuntas consecutivas entenderase que renuncia ao seu cargo. Neste caso, como no da renuncia expresa, poderá procederse á súo reemprazo, comunicándoo aos socios á maior brevidade posible; e non podendo substituírse a máis da terceira parte dos membros da Xunta Directiva elixida; se tal fose o caso,  e a xestión da asociación non fora  posible ata a próxima Asemblea Xeral Ordinaria, habería que convocar unha Asemblea Xeral para a elección dunha nova Xunta Directiva.

Artigo 10. Os membros da Xunta Directiva que tivesen esgotado o prazo para o cal foron elixidos, continuarán ocupando os seus cargos ata o momento en que se produza a aceptación dos que os substitúan.

Artigo 11. A Xunta Directiva reunirase cantas veces o determine o seu presidente, ou por  iniciativa ou petición da metade máis un dos seus membros, ou cando circunstancias urxentes así o aconsellen. A convocatoria da Xunta Directiva debe ser comunicada, polo menos, con tres días de anticipación, salvo no caso de circunstancias xustificadas ou urxentes que determinen menores prazos.

A Xunta Directiva quedará constituída cando asista, en primeira convocatoria, a metade máis un dos seus membros, tomándose os acordos por maioría. No caso de que en primeira convocatoria non asista o número de membros estipulado, en segunda convocatoria poderanse tomar acordos de natureza urxente, tamén por maioría de votos dos membros presentes na devandita reunión, dando conta de ditas decisións na seguinte xuntanza. En caso de empate, o voto do presidente, ou do vicepresidente na súa ausencia ou por delegación, será de calidade.

Artigo 12. Facultades da Xunta Directiva: as facultades da Xunta Directiva estenderanse, con carácter xeral a todos os actos propios das finalidades da asociación, sempre que non requiran, segundo estes estatutos, autorización expresa da Asemblea Xeral.

Son facultades particulares da Xunta Directiva:

a)      Dirixir as actividades sociais e levar a xestión económica e administrativa da Asociación, acordando realizar os oportunos contratos e actos.
b)     Executar os acordos da Asemblea Xeral.
c)      Formular e someter a aprobación da Asemblea Xeral os balances e as contas anuais.
d)     Resolver sobre a admisión de novos asociados.
e)      Nomear delegados para algunha determinada actividade da Asociación.
f)       Calquera outra facultade que non sexa da exclusiva competencia da Asemblea Xeral de socios.

Artigo 13. O presidente terá as seguintes atribucións: representar legalmente á Asociación ante toda clase de organismos públicos ou privados; convocar, presidir e levantar as sesións que celebre a Asemblea Xeral e a Xunta Directiva, así como dirixir as deliberacións dunha e outra; ordenar pagamentos e autorizar coa súa firma os documentos, actas e correspondencia; adoptar calquera medida urxente que a boa marcha da Asociación aconselle ou no desenvolvemento das súas actividades resulte necesaria ou conveniente, sen prexuízo de dar conta posteriormente á Xunta Directiva.

Artigo 14. O vicepresidente substituirá o presidente en ausencia deste, motivada por enfermidade ou calquera outra causa, ou por delegación, e terá as mesmas atribucións ca el.

Artigo 15. O secretario terá ao seu cargo a dirección dos traballos puramente administrativos da Asociación, expedirá certificacións, levará os libros da asociación que sexan legalmente establecidos e o ficheiro de asociados, e custodiará a documentación da entidade, facendo que se cursen as comunicacións sobre designación de Xuntas Directivas e demais acordos sociais inscribibles aos rexistros correspondentes, así como a presentación das contas anuais e o cumprimento das obrigas documentais nos termos que legalmente correspondan.

Artigo 16. O tesoureiro recadará e custodiará os fondos pertencentes á Asociación e dará cumprimento ás ordes de pagamento que expida o presidente.

Artigo 17. Os Vogais terán as obrigas propias do seu cargo como membros da Xunta Directiva, e así como as que nazan das delegacións ou comisións de traballo que a propia Xunta as encomende.
Artigo 18. As vacantes que se puidesen producir durante o mandato da Xunta Directiva de calquera dos seus membros serán cubertas provisionalmente entre os devanditos membros ata a substitución destes nas condicións indicadas no artigo 9 dos presentes estatutos.


CAPÍTULO III
ASEMBLEA XERAL


Artigo 19. A Asemblea Xeral é o órgano supremo de goberno da Asociación e estará integrada por todos os asociados.

Artigo 20. As reunións da Asemblea Xeral serán ordinarias ou extraordinarias. A ordinaria celebrarase, con carácter obrigatorio, unha vez ao ano, dentro dos tres meses seguintes ao peche do ejercicio, para a aprobación dos presupostos e a rendición de contas, e unha vez cada dous anos, tamén no primeiro trimestre, para a elección dos membros da Xunta Directiva.; as extraordinarias celebraranse cando as circunstancias o aconsellen, a xuízo do presidente, cando a Xunta Directiva o acorde ou cando o propoña por escrito unha terceira parte dos asociados, debendo expresarse na petición o obxecto xustificado da convocatoria.

Artigo 21. As convocatorias das Asembleas Xerais realizaranse por escrito expresando o lugar, día e hora da reunión en primeira convocatoria e segunda convocatoria, debendo transcorrer, entre elas, un mínimo de media hora,  así como a orde do día con expresión concreta dos asuntos a tratar. Entre a convocatoria da Asemblea Xeral Ordinaria e o día sinalado para a celebración da mesma haberán de mediar polo menos quince días. No caso da Asemblea Xeral Extraordinaria, o prazo será de dez días.

As Asembleas Xerais, tanto ordinarias coma extraordinarias, quedarán validamente constituídas en primeira convocatoria cando concorran a ela dous terzos dos asociados con dereito a voto, e en segunda convocatoria calquera que sexa o número de asociados con dereito a voto.

Os acordos tomaranse por maioría simple das persoas presentes ou representadas cando os votos afirmativos superen aos negativos, non sendo computables para estes efectos os votos en branco nin as abstencións. Será necesario maioría cualificada das persoas presentes ou representadas para:

a)      Nomeamento das Xuntas Directivas e administradores.
b)     Acordo para constituír unha federación de asociacións ou integrarse nelas.
c)      Nomeamento dos Socios de Honra
d)     Modificación dos estatutos.
e)      Disolución da entidade.
f)       Disposición o enaxenación de bens

Artigo 22. Son facultades da Asemblea Xeral Ordinaria:

  1. Aprobar, se é o caso, a xestión da Xunta Directiva.
  2. Nomeamento dos membros da Xunta Directiva.
  3. Resolver sobre as propostas dos socios.
  4. Aprobar a acta da reunión anterior.
  5. Aprobar o plan de actividades.
  6. Fixar as cotas ordinarias ou extraordinarias.
  7. Examinar e aprobar as contas e balances do exercicio anterior.
  8. Aprobar os orzamentos de ingresos e gastos para cada exercicio.
  9. Aprobar, por un mínimo de dúas terceiras partes dos socios, o nomeamento de Socios de Honra
  10. Calquera outra que non sexa da competencia exclusiva da Asemblea Extraordinaria
Artigo 23. Corresponde á Asemblea Xeral Extraordinaria:

a)      Modificación dos estatutos.
b)     Aproba posibles regulamentos de réxime interno da Asociación
c)      Expulsión de socios, por proposta da Xunta Directiva.
d)     Constitución de federacións ou integración nelas.
e)      Disposición ou enaxenación de bens integrantes do inmobilizado; alleamento, gravame ou hipoteca de bens sociais.
f)       Disolución da Asociación e designación da xunta xestora e comisión liquidadora
g)      As que, sendo competencia da Asemblea Xeral Ordinaria, por razóns de urxencia ou necesidade, non poidan esperar a súa convocatoria, sen grave prexuízo para a Asociación.

Artigo 24.  Presidirá as Asembleas Xerais o presidente; no seu defecto, o vicepresidente e, en ausencia deste, un dos vogais da Xunta Directiva. O secretario e dous socios designados polos asistentes a Asemblea Xeral escrutarán os votos cando proceda.

Artigo 25.- Todos os socios teñen dereito a presentar, antes de celebrarse a Asemblea Xeral, manifestación de reprobación ou de grazas, proposicións, emendas, así como dirixir á Xunta Directiva as preguntas e interpelacións que estime conveniente.

Ningún socio poderá falar na sesión, sen pedir e obter a palabra. En calquera momento da discusión poderán pedir a palabra os socios para cuestións de orde, ou para pedir a lectura de artigos do estatuto ou documento.

Compete ao presidente ou á persoa que o mesmo designe: dirixir a orde das discusións, non permitindo que se interrompa ao orador, nin que se trate outra cuestión que a que se debate, así como dar o punto por discutido cando os tornos se cumpran; sinalar a Orde do día segundo o disposto neste regulamento e abrir e pechar a sesión. É así mesmo atribución do presidente ou do seu representante, chamar a cuestión e á orde ao orador cando o crea xusto e negarlle ou retirarlle a palabra, sempre para garantir a boa marcha das sesións.

Artigo 26. Cando sexa precisa a votación dos socios, no propio acto da Asemblea Xeral, serán eles os que decidirán o procedemento axeitado para votar: a man alzada, nominal, por papeletas ou por calquera outro medio que garante a verdadeira expresión da vontade dos socios.

Unha vez declarada pechada a votación polo presidente, ningún socio terá dereito a votar. En caso de empate tras facer o escrutinio, poderase repetir a votación.


CAPÍTULO IV
SOCIOS


Artigo 27. Poderán pertencer á Asociación aquelas persoas con capacidade de obrar que teñan interese no desenvolvemento dos fins da Asociación.

Artigo 28. Dentro da Asociación existirán as seguintes clases de socios:

a)      Socios fundadores, que serán aqueles que participen no acto de constitución da Asociación.
b)     Socios de número, que serán os que ingresen despois da constitución da Asociación. Os socios de número ingresarán na sociedade mediante petición escrita firmada polo propio interesado. A tales efectos a Xunta Directiva facilitará un formulario tipo.
Aprobada a petición pola Xunta Directiva, se  comunicará ó socio a admisión remitíndolle para o seu coñecemento un exemplar dos estatutos.
c)      Socios de honra, os que polo seu prestixio ou por contribuír de modo relevante á dignificación e desenvolvemento da Asociación, se fagan acredores a tal distinción. O nomeamento dos socios de honra corresponderá á Asemblea Xeral Ordinaria, e ha de ser aprobado por dous terzos dos membros asistentas a esta.

Artigo 29. Os socios causarán baixa por algunha das causas seguintes:

a)      Por renuncia voluntaria, comunicada por escrito á Xunta Directiva.
b)     Por incumprimento das obrigas económicas, se deixase de satisfacer a cota anual.
c)      Por expulsión, como consecuencia de sanción. Neste caso,  os expedientes disciplinarios contra os socios iniciaranse de oficio pola Xunta Directiva, que ditará resolución aínda que a mesma ten que ser ratificada na próxima Asemblea Xeral.  A Xunta Directiva poderá confeccionar un regulamento interno no que se estipulen as condicións do réxime sancionador.

Artigo 30. Os socios fundadores e de número terán os seguintes dereitos:

a)      Tomar parte en cantas actividades organice a Asociación en cumprimento dos seus fins.
b)     Gozar de todas as vantaxes e beneficios que a Asociación poida obter.
c)      Participar nas Asembleas con voz e voto.
d)     Ser electores e elixibles para os cargos directivos.
e)      Coñecer e impugnar os acordos adoptados polos órganos da Asociación coas formalidades que se determinen.
f)       Facer suxestións aos membros da Xunta Directiva en orde ao mellor cumprimento dos fins da Asociación.

Artigo 31. Os socios fundadores e de número terán as seguintes obrigas:
a)      Acatar e cumprir os preceptos destes estatutos así coma os acordos adoptados polos órganos da sociedade.
b)      Respectar as persoas e a súas opinións, observando en todo momento a consideración debida ás liberdades alleas.
c)      Coidar con esmero os bens e instalacións que constitúen ou puideran constituír o patrimonio social.
d)      Cooperar na consecución dos fins propios da sociedade.
e)      Cumprir desinteresadamente, con decoro e honestidade as responsabilidades e función dos cargos para os que foran elixidos.
f)        Abonar en tempo e forma as cotas.
g)      Comunicar os cambios de enderezo ou vecindade.
Artigo 32. Os socios de honra terán as mesmas obrigas que os fundadores e de número a excepción das previstas no apartados e) e f) do artigo anterior.

Terán tamén os mesmos dereitos a excepción dos que figuran nos apartados c), d) e e) do artigo 30, podendo asistir ás asembleas sen dereito de voto.

Artigo 33. Os recursos económicos previstos para o desenvolvemento dos fins e actividades da Asociación serán os seguintes:

a)      As cotas de socios, periódicas ou extraordinarias.
b)     As subvencións, legados ou herdanzas que puidese recibir de forma legal por parte dos asociados ou de terceiras persoas.
c)      Calquera outro recurso lícito.
.

CAPÍTULO VI
DA CONTABILIDADE E TESOURERÍA


Artigo 34. A Asociación no momento da súa constitución carece de fondo social.

Artigo 35. O exercicio asociativo e económico será anual e o seu peche terá lugar o 31 de decembro de cada ano.

Artigo 36.- A Asociación manterase dos seguintes recursos:

  1. A cuantía das cotas periódicas dos asociados se decidirá na Asemblea Xeral Ordinaria anual, a proposta da Xunta Directiva, non sendo reintegrables en caso algún e dedicándose a atender as necesidades da Asociación.
  2. As doazóns ou subvencións que poidan conceder órganos públicos, entidades privadas ou particulares.
  3. Os ingresos que se poidan recibir polo desenvolvemento das activiades da asociación.
  4. Calquera outro ingreso admitido pola normativa vixente para actividades non lucrativas.

Artigo 37.- Anualmente con referencia ao último día do exercicio económico de cada ano, elaboraranse as contas, que se formalizarán nunha memoria que será posta a disposición dos asociados, durante un prazo non inferior a 15 días ao sinalado para a celebración da Asemblea Xeral Ordinaria, quen debe aprobalo ou censuralo.

Artigo 38.- Todos os fondos da Asociación, sexa cal sexa a súa procedencia, estarán a cargo do tesoureiro quen non fará libramento algún sen o visto bo do presidente,  e/ou a firma doutro dos membros da Xunta Directiva, elegido para tal fin en calidade de Contador, en comprobación de que o gasto corresponde a servizos acordados pola Xunta Directiva. A Xunta Directiva designará a consignación dos fondos nun establecemento bancario ou mercantil. O tesoureiro e o Contador intervirán en tódolos documentos que fagan referencia á cobranza de pagos, de calquera clase que sexan, e presentarán á aprobación da Xunta Directiva o estado de ingresos cada mes. Nas Asembleas Xerais Ordinarias darán información deste estado de ingresos e gastos así como responderán ás cuestións que sobre ditos temas presenten os socios.
Artigo 39.- Sen autorización da Asemblea Xeral Extraordinaria non poderá a Xunta Directiva tomar diñeiro a préstamo nin facer compras a prazos se os vencementos son posteriores ao termino da súa administración.

Artigo 40- Como entidade sen ánimo de lucro, en ningún caso poderán ser distribuídos entre os asociados os recursos obtidos pola Asociación.


CAPÍTULO VII
DAS ELECCIÓNS


Artigo 41. No acto de constitución da Asociación nomearase, polos socios asistentes, unha Xunta Directiva que se encargará de poñer en marcha o proxecto, así como legalizar os estatutos e levar a cabo cantas accións sexan oportunas para o correcto funcionamento da Asociación. No primeiro trimestre do ano seguinte á súa constitución, no acto da Asemblea Xeral Ordinaria, se someterá á voluntade dos asociados, que poderán revalidar dita Xunta ou  propoñer a convocatoria de eleccións.

Artigo 42.
As eleccións para cubrir os cargos da Xunta Directiva, a excepción do indicado no artigo anterior, realizaranse cada dous anos, a no ser nos casos previstos no artigo 9, de renuncia ou demisión forzosa da maioría dos seus membros, nos que se adiantará a data de elección.

As eleccións serán convocadas pola Xunta Directiva cun mínimo de 30 días de antelación á data fixada para o escrutinio. Dita convocatoria conterá o calendario electoral e as normas complementarias que desenvolvan o proceso electoral.
A confección das devanditas normas  será responsabilidade da Xunta Directiva como norma de réxime interior e deberá ser comunicada aos socios e ratificada na primeira Asemblea Xeral Ordinaria que se convoque tras o acto fundacional, non sendo preceptivo a súa contemplación nestes estatutos.


CAPÍTULO VIII
DA MOCIÓN DE CENSURA


Artigo 43.- Pasados seis meses desde a proclamación da Xunta Directiva e mediante escrito motivado e firmado ao menos polo 50% dos socios, poderá presentarse unha moción de censura contra a mesma. En tal suposto convocarase, coa máxima publicidade e nun prazo non superior a quince días, unha Asemblea Xeral Extraordinaria co obxecto de pronunciarse sobre a cuestión.
Se a moción de censura é aprobada pola maioría absoluta dos socios presentes, sempre que o seu número sexa superior ó 50% dos socios que forman a Asociación, a Xunta Directiva presentará a súa dimisión, elixíndose a continuación e na mesma sesión unha Xunta Xestora que convocará eleccións no prazo dun mes. Se a moción de censura fose rexeitada pola asemblea convocada ao efecto, os asinantes non poderán presentar outra ata transcorridos outros seis meses.

No suposto de que a moción de censura fose dirixida contra algún ou algúns dos compoñentes da Xunta Directiva, en número non superior a tres, non contra a toda a Xunta, a firma da metade dos asociados será suficiente para que a propia Xunta Directiva proceda a designar aos substitutos que deberán reunir os requisitos esixidos nestes estatutos, sen convocar a Asemblea Xeral para tal fin.


CAPÍTULO IX
DO REGULAMENTO DE RÉXIME INTERNO


Artigo 44.- O regulamento de réxime interno, no seu caso, desenvolverá aquelas materias non contempladas directamente nos presentes estatutos, no podendo ir en ningún caso en contra do estipulado nos mesmos. En todo caso o funcionamento interno da Asociación estará sometido ó ordenamento xurisdicional civil


CAPÍTULO X
DISOLUCIÓN


Artigo 45.- Disolverase voluntariamente cando así o acorde a Asemblea Xeral Extraordinaria, convocada ao efecto, por unha maioría de 2/3 dos asociados.

Artigo 46. En caso de disolución, nomearase unha comisión liquidadora a cal, unha vez extinguidas as débedas, e se existise sobrante liquido destinarao para fins que non desvirtúen a súa natureza non lucrativa. Dita comisión liquidadora procederá a dar de baixa á Asociación nos termos que dispón a lexislación civil ao respecto.


CAPÍTULO XI
DA REFORMA DO ESTATUTO


Artigo 47.- Para a modificación total ou parcial deste Estatuto, haberá de proceder petición escrita e firmada por, polo menos, a metade dos socios, da que se dará conta na primeira Asemblea Xeral Ordinaria; esta poderá nomear unha comisión de sete membros encargada de informar sobre dita petición e de proponer os termos da reforma no seu caso, que non poderá aprobarse senón na Asemblea Xeral Extraordinaria convocado ao efecto, e á que haberán de concorrer ao menos a metade dos socios se pretendese reforma parcial e as dúas terceiras partes se é total, sendo preciso para súa validez a aprobación polas dúas terceiras partes dos socios presentes.

DISPOSICIÓN ADICIONAL


En todo canto non estea previsto nos presentes estatutos se aplicará a vixente Lei Orgánica 1/2002, do 22 de marzo, reguladora do Dereito de Asociación, e as disposicións complementarias.


En Narón, a 11 de maio de 2012.


Asinado: Dª. Carmen Sendón López;  D. José Luis Alvariño Teijeiro; Dª. Amelia de Querol Orozco; D. Jesús Martín García Taboada; D. José Luis Ríos Calvo; Dª. Inés María Fernández Blanco; Dª. Rosa Mª  Piñón Cobelo; D. Alfonso Tembrás Fernández.